Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan seis persoas por unha estafa de 34.000 euros en Porto do Son

Investigan seis persoas por unha estafa de 34.000 euros en Porto do Son

Facíanse pasar por unha entidade financeira para roubar datos persoais e recomendar a instalación dunha aplicación con malware que lles permitía acceder ás contas bancarias da vítima

Empregaban ferramentas tecnolóxicas que modifican o número de orixe que aparece no dispositivo do usuario

G24.gal 16/05/2025 09:53

A Garda Civil desartellou un grupo criminal formado por 6 integrantes, aos que investiga por unha estafa de 34.000 euros en Porto do Son que se iniciou cunha chamada telefónica a un negocio da localidade.

A investigación iniciouse no mes de xullo de 2024, cando o propietario dun negocio interpuxo unha denuncia por estafa telefónica. Nela comunicaba que recibira unha chamada a través dun número, o cal teoricamente correspondía á entidade bancaria coa que operaba pedíndolle datos persoais e claves das súas contas.

Na chamada, un suposto empregado da entidade indicaba a realización de transferencias non autorizadas desde a súa conta a contas de entidades estranxeiras, utilizando algún tipo de malware instalado no seu terminal móbil, que permitía a acceder á app deste banco. Comunicoulle tamén que recibiría unha segunda chamada na que lle indicarían a forma de proceder para evitalo.

Unha vez recibida a segunda chamada, a vítima facilitoulle as claves bancarias e instalou un software no seu móbil permitindo aos supostos estafadores o acceso remoto ao mesmo, conseguindo o control total das súas contas.

A Garda Civil iniciou unha investigación para constatar a veracidade dos feitos e identificar o autor ou autores no seu caso. Así, comprobaron que o método utilizado para a comisión do delito era unha combinación de vishing e spoofing telefónico, é dicir, suplantación de identidade dunha entidade para acceder a información financeira ou que permita roubar a identidade da vítima.

Este grupo empregaba ademais ferramentas tecnolóxicas que permiten a modificación do número de orixe que aparece no dispositivo do usuario.

Tras a análise minuciosa da información solicitada, os gardas civís lograron a identificación dos supostos integrantes do grupo criminal responsable da estafa en Barcelona, Xaén e Madrid.

As seis persoas implicadas están sendo investigadas por un delito de estafa, outro de branqueo de capitais e un terceiro de pertenza a grupo criminal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade