Queiman unha quincena de contedores no Parque Tecnolóxico de Valadares, en Vigo
Foron varios os particulares que alertaron sobre as 02:00 horas de que escoitaran varias explosións na zona e observaban lume
Preto de 15 colectores do lixo arderon esta madrugada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, en Vigo. Os bombeiros conseguiron sufocar as lapas e evitar que se queimaran os vehículos que estaban aparcados e as propias naves dos arredores. A Policía Nacional investiga este incendio, que afectou a 3 puntos diferentes e que todo apunta a que puido ser intencionado.
O lume comezou sobre as dúas da mañá na chamada rúa C deste polígono industrial. Varios particulares alertaban de que escoitaran unha explosión e que vían lapas. Quedaron reducidos a cinza arredor de 15 colectores do lixo. Moitos dos traballadores das empresas dos arredores non sabían o que pasara.
Interviñeron os bombeiros do parque de Coruxo, que evitaron que os danos foran a máis e que as lapas afectaran aos vehículos aparcados a carón dos colectores e que chegaran ás naves dos arredores.
No Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares hai máis de 80 empresas. Unha área na que hai vixilancia pola noite.
A Policía Nacional investiga o acontecido. Os axentes da Policía Científica estiveron no lugar para intentar esclarecer o que pasou. Todo apunta a que foi intencionado.