Os incendios nos coches, máis frecuentes no verán
O aumento das temperaturas favorece este tipo de situacións e a súa propagación
Empregar o extintor ou afastarse do vehículo, o máis recomendado contra un incendio no coche
Debido ao aumento das temperaturas, os incendios nos coches son algo que se repite con máis frecuencia nesta temporada de verán, pero… como se poden previr este tipo de situacións?
"Aerosoles, desodorizantes, lentes, unha botella de auga, que fai efecto lupa... con iso hai que ter moito coidado, sobre todo se o deixas ao sol, porque pode provocar un incendio dentro do habitáculo", comenta Álex Sánchez, mecánico.
"É moi importante coidar ben os coches e, se hai algunha perda ou algunha fuga de líquido que se detecte, sempre é moi importante levalo ao taller para que determine se é algo importante ou non. Isto é como unha persoa, se tes unha doenza e non te ves, sempre pode derivar en algo maior", asegura Luis Penido, xerente de TRAMEVE.
E se comeza a arder o coche, como se debe reaccionar? Cómpre utilizar extintor ou non?
"Se o lume é pequeno, atacalo cun extintor, se se ten. Se non, afastarse do coche e poñerse nun lugar seguro", afirma Álex.
Esta situación adoita pasar en toda clase de vehículos, pero, segundo apuntan, nos coches eléctricos a súa extinción resulta moito máis complicada.
"Nun coche eléctrico o mellor xa é afastarse do coche porque, dependendo da batería que teñan, pode ser máis ou menos inflamable, pero se hai un incendio na batería, non se dá apagado", conta Álex.
"Son moi difíciles de apagar. Case habería que somerxelos completamente para apagalos", asegura Luis.