Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home acoitela, presuntamente, a seu pai nun pub nas aforas de Santiago

Un home acoitela, presuntamente, a seu pai nun pub nas aforas de Santiago

Acontecía sobre as seis da mañá deste luns, e ata o lugar desprazábanse efectivos da Policía Local e da Policía Nacional 

Unha ambulancia trasladou o pai, cuxas feridas implicaban risco vital, ata o Hospital Clínico de Santiago 

G24.gal 19/05/2025 09:21 Última actualización 19/05/2025 14:45

Un mozo foi detido por acoitelar, presuntamente, o seu pai tras atoparse no Pub Casa na estrada de San Marcos, nas aforas da cidade de Santiago. Os homes iniciarían unha lea e tras unha escalada de tensión, o fillo, de 25 anos, agrediría o pai, de 50.

O suceso ocorría entre as 5 e as 6 da mañá deste luns nun local situado na estrada entre Santiago e A Lavacolla. Segundo as testemuñas, os homes atopáronse no pub, onde comezou unha discusión. A pelexa subiu de intensidade e o fillo agrediría o pai cun coitelo.

Para a policía, o altercado foi unha liorta familiar que viña de antes. As diferenzas entre pai e fillo, polo que contan na contorna, non eran novas. Non se falaban desde había tempo. Esta última acabou co fillo, de 25 anos, detido e o pai no hospital. O fillo estaba no local, que fora club de alterne pero que agora, segundo os novos xerentes, é un pub. Era case a hora de pechar, pouco antes das seis da mañá. Só se decataron os clientes que estaban no local a esa hora.

Algunhas testemuñas apuntan a un historial de malos tratos por parte do pai á súa parella e nai do presunto agresor como o que desencadeou a liorta. Detallan que a familia é considerada "conflitiva" e que conta con "denuncias cruzadas por feitos violentos".

Segundo testemuñas, o fillo estaba dentro do local. Seu pai entrou na sala e comezaron unha liorta os dous. O fillo, presuntamente, colleu un coitelo e asestoulle varios cortes ao pai.

Tras recibir aviso dun ferido con arma branca, desprazáronse ata o lugar ata seis vehículos da policía local e da nacional. Tamén se achegou unha ambulancia, que trasladou o pai, con feridas que supoñían risco vital, ata o Hospital Clínico de Santiago

Fontes próximas á investigación aseguran que a arma foi intervida e que o mozo recoñeceu os feitos, ademais de confirmar a existencia dunha testemuña.

Pola súa banda, o suposto agresor abandonou o lugar nun vehículo da policía, baixo a custodia dos axentes. Este permanece en dependencias policiais á espera de que lle tomen declaración. 

Os dous, parece, eran clientes habituais do local. A casa familiar está a uns setecentos metros da sala, que abre durante toda a noite. Na contorna non resulta sinxelo atopar veciños que falen da familia implicada, que vive en San Marcos, preto do aeroporto de Santiago. Aseguran que xa protagonizaron outras disputas en varias ocasións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade