Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren 27 vacas dunha explotación gandeira de Rodeiro tras seren alcanzadas por un raio

Morren 27 vacas dunha explotación gandeira de Rodeiro tras seren alcanzadas por un raio

O raio caeu sobre un transformador e provocou a descarga mortal

G24.gal 19/05/2025 12:14

Unhas 27 vacas faleceron na tarde deste domingo na localidade pontevedresa de Rodeiro tras ser alcanzadas por un raio.

Segundo o presidente da cooperativa O Rodo, á que pertence a explotación gandeira dona das reses, os feitos ocorreron durante a tarde, cando as vacas pastaban nun prado.

Coa chegada da tormenta, os seus responsables foron buscalas para traelas de volta á granxa. Nun momento dado, ao pasar á altura dun poste transformador, un raio caeu sobre esta infraestrutura, descargando a descarga eléctrica cara á terra.

"Empezou a tormenta e meus pais foron buscar as vacas á leira" conta María Pardo, filla dos gandeiros. "Viñan polo carreiro, que estaba cheo de auga, caeu o raio e matounas todas". 

Nese instante escoitouse como unha explosión e as 27 vacas que ían polo camiño coas patas na auga, que fixo de condutor da descarga eléctrica, faleceron. Por sorte, o dono da explotación ía montado no seu tractor un pouco adiantado e a dona ía detrás dos animais, saíndo ilesos ambos.

Canda os animais que morreron ían outros tres que se salvaron, pero quedaron tocados. "Algunha preñada, unha primípara que terminaba a xestación en agosto..., a ver se se salvan e se se salva a cría", di Manolo Pardo, primo e veciño dos gandeiros afectados. 

"Valorando isto, aquí investido hai máis de 60.000 euros", di outro veciño, Severino Fernández. "E non é só o que valen as vacas, é a produción de todos os días, que estás vendendo leite e pasas a non gañar nada". 

Nunha granxa que tiña cousa de 30 reses en produción, o golpe é enorme. De momento, os ánimos para sobrepoñerse e reflotala están baixos.

"O seguro dará a metade do que vallan, polas vinte e pico vacas darán para dez. E o resto, poñelo do peto ou pechar", di Severino.

Manolo conta que os donos "están pensando en abandonar" a actividade. Ao dono faltaríanlle cinco anos para a xubilación. A filla deles, María, aínda non sabe que van facer. "É difícil dixerir algo así, o traballo de toda unha vida aquí tirado. En segundos perdes todo", lamenta.

Están á espera da valoración do seguro e da retirada dos animais, que se prevé complicada polo estreito do carreiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade