As vacas da Casa Grande de Xanceda tamén celebran o seu festival de verán
As entradas ao festival conseguíanse ao azar nos iogures infantís
Arredor de 350 persoas gozaron dunha xornada de música, danza, xogos tradicionais e contacto co gando
Na programacion de festivais de verán hoxe había unha data marcada na Casa Grande de Xanceda: o Vacafest. Un festival onde as protagonistas son as vacas e becerros da granxa e os convidados, os cativos comedores de iogures que agochaban 100 entradas para toda a familia.
En Mesia hai un festival que xunta nun mesmo espazo música, xogos tradicionais, gando, tractores e un público comprometido cos produtos lácteos ecolóxicos.
"É un festival rural sen "brilli brilli" e sen postureo. Nesta época que vivimos de macrofestivais cheos de neón e moita présa, nós buscamos as raíces e o natural. As persoas que veñen conseguiron as entradas nos nosos iogures infantís e iso tamén lle dá un plus de exclusividade. Son 350 persoas en familia e nada nos gusta máis que recibir a xente na nosa granxa", conta Sara Torreiro, responsable de comunicación da Casa Grande de Xanceda
Acomedar as vacas e darlles de mamar ás becerriñas son as actividades máis demandadas polos cativos xunto cos xogos populares e a foliada a media tarde.
E para repenique da festa, a modo de procesión vacuna, os animais, despois do muxido, van desfilando cos atavíos de gala detrás dos tractores que marcan o ritmo dunha reivindicación do sector primario como base da nosa alimentación.