Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno solicita ás plataformas dixitais que retiren 2.640 pisos turísticos ilegais en Galicia

O Goberno solicita ás plataformas dixitais que retiren 2.640 pisos turísticos ilegais en Galicia

Non son todos os pisos ilegais que hai en Galicia; son os que solicitaron o número de rexistro obrigatorio desde o 1 de xullo, pero que non o obtiveron por non cumprir os requisitos legais

Desde o 1 de xaneiro, o rexistro recibiu en toda España un total de 336.497 solicitudes, das cales o 78,75% corresponden a alugueiros turísticos

Airbnb comprométese a dalos de baixa e reclama que o resto de plataformas de alugueiro fagan o mesmo

G24.gal 14/09/2025 17:07 Última actualización 14/09/2025 20:12

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana (Mivau) notificou 2.640 pisos turísticos ilegais en Galicia ás plataformas dixitais para que retiren os anuncios en liña destes aloxamentos.

Estes pisos son os que solicitaron o número de rexistro obrigatorio desde o 1 de xullo, pero que non o obtiveron por non cumprir os requisitos legais, segundo informou o Goberno nun comunicado.

Ante a solicitude do Goberno, as plataformas dixitais deberán retirar os anuncios destes inmobles, que poden estar a se comercializar en varias webs á vez.

O Goberno explica que, se un código é revogado significa que o Colexio de Rexistradores recibiu a solicitude, que contiña datos incompletos ou non acordes á normativa vixente do tipo de actividade que se pretendía desenvolver e non foi emendada nun prazo oportuno.

Segundo os datos do Ministerio, por provincias é a de Pontevedra a que ten máis solicitudes revogadas, en total 1.249, séguelle a da Coruña con 992, a de Lugo con 339 e a de Ourense cun total de 60.

En canto ás capitais de provincia, foron rexeitados 140 pisos turísticos na Coruña, 8 en Lugo, 26 en Ourense e 111 en Pontevedra.

Entre os municipios con máis solicitudes desestimadas están o de Vigo con 227, Sanxenxo con 196,  A Coruña con 140,  Santiago de Compostela con 128 e Pontevedra con 111.

A nivel nacional, desde o 1 de xaneiro, o rexistro recibiu en toda España un total de 336.497 solicitudes, das cales o 78,75% corresponden a alugueiros turísticos.

Airbnb comprométese a retiralos

A plataforma Airbnb comprometeuse a retirar os pisos turísticos que non obtiveron o número de rexistro obrigatorio, un de cada dez dos publicados, como parte dunha "firme aposta" por colaborar co Goberno e garantir o "cumprimento estrito" da normativa de alugueiros de curta duración.

Así o sinala Airbnb nun comunicado publicado este domingo, tras a petición do Ministerio de Vivenda.

"En colaboración co Ministerio de Vivenda, identificouse que menos do 10 % dos números de rexistro que foron revogados corresponden a anuncios que están en Airbnb, e procederase a dalos de baixa da plataforma", sinala o comunicado.

A empresa declara notificar a todos os anfitrións a obrigación de obter o número de rexistro nacional e que, desde xaneiro, 70.000 anuncios máis cumpren con ese requisito.

"Este é un novo capítulo para Airbnb en España, definido por un compromiso proactivo coa colaboración, a calidade e unha visión a longo prazo de crecemento sostible que beneficia a todos", asegura o director xeral de Airbnb Marketing Services en España, Jaime Rodríguez de Santiago.

Segundo o directivo, a gran maioría de anuncios activos mostran hoxe un número de rexistro e estes "son maioritariamente os preferidos polos viaxeiros". Con esta contribución, subliña, Airbnb "axudará a dar forma a un futuro sostible" para os alugueiros a curto prazo en España".

A empresa reclama que as outras plataformas de alugueiro de pisos turísticos se unan ao "esforzo e compromiso de transparencia" na loita contra os pisos turísticos ilegais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade