Investigan a aparición de catro ovellas mortas e despezadas nun río en Santiago
Tres días despois, os restos seguen no Rego de Vilar, cos riscos ambientais que iso supón
Un veciño da Rocha Vella deu a voz de alarma o martes pola tarde. Cando chegaron axentes da Policía Autonómica e de Medio Ambiente o que atoparon era máis dantesco e estraño do que parecía.
Tal e como relata Suso Noya, membro da Plataforma pola recuperación do río Sar, os animais estaban despezados. Quitáronlles as partes comestibles. Sorprende tamén que os tiraran nunha zona de moi difícil acceso e que ao carón tamén había bolsas con lixo e latas de cervexa.
Os animais carecen de identificación, o que fai difícil localizar os propietarios e tamén chegar a saber quen os tirou no río. As hipóteses que se barallan son múltiples, como argumenta Suso Noya. Unha delas é que as ovellas pertencesen a algún veciño que non as tiña legalizadas e por iso non figura ningunha denuncia de roubo.
Os veciños denuncian o desleixo das autoridades. Tres días despois, os restos seguen no río cos conseguintes riscos ambientais., porque hai animais que beben no río e mesmo peregrinos que pasan ao carón e se refrescan nel.
Os veciños denuncian o total abandono tanto do Rego de Vilar como do Sar. Aseguran que baixa moitas veces cheo de escuma e con mal cheiro e que hai moitas árbores caídas atascando o leito.
Desde o Concello de Santiago sinalan que tiveron que pedirlle permiso a Augas de Galicia para poder intervir. Unha vez concedido, requiríronlle á empresa concesionaria que proceda canto antes a retirar os animais.