Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interveñen 186 quilos de percebe ilegal que poderían valer uns 16.000 euros no mercado

Interveñen 186 quilos de percebe ilegal que poderían valer uns 16.000 euros no mercado

Na confraría levan tempo loitando contra o furtivismo e denuncian que isto lles está a supoñer todo tipo de ameazas

G24.gal 15/06/2023 11:19

Por casualidade. Así foi como interviñeron os mariscadores que saían traballar deste porto de Santa Mariña, en Camelle, os 186 quilos de percebes.

"Os profesionais que saían nunha embarcación engancharon a hélice na boia e atoparon unha corda. Tiraron dela e sacaron os oito sacos cos 186 quilos do crustáceo", explica Xosé Xoán Bermúdez, o patrón maior da confraría de Camelle.

Daquela mesmo viron fuxir unha embarcación da zona e tamén varias persoas a pé polo monte. E despois de examinar os percebes, cren que non foi subtraído desta costa.

"Mireinos eu mesmo e tiñan cemento no pé. Sospeitamos que poden ser do porto de Punta Lagosteira ou doutro que teña bloques de cemento", di Bermúdez.

Pero a cousa non quedou aí. Ás poucas horas deste comiso récord, o Presidente da Agrupación de Percebeiros de Camelle e varios armadores recibiron ameazas a través dunha chamada telefónica desde un número oculto.

"E agora imos presentar unha denuncia na Garda Civil contra un deles por esa chamada tan agresiva", comenta Bermúdez.

Xosé Xoán fai amais un chamamento á unión de todas as confrarías da Costa da Morte para tratar de eliminar o furtivismo e propón que se se vale de pólvora ou outros medios ilegais para esquilmar os seus recursos sexa cualificado de delito con penas de cárcere.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade