Inician as 48 horas de folga convocadas por CIG e STEG en todo o ensino medio, FP e ensinos de réxime especial
Inician as 48 horas de folga convocadas por CIG e STEG en todo o ensino medio, FP e ensinos de réxime especial
A CIG informou de que está convocado un colectivo de máis de 30.000 docentes entre funcionariado de carreira, interinos e substitutos con incidencia en 374.043 estudantes, sen contar o alumnado de réxime especial, é dicir, preto de 400.000
A Xunta fixou, nunha orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, os servizos mínimos para a folga de profesorado para este martes e este mércores, que terán que garantir a apertura e o peche dos centros escolares
Entre as reivindicacións figura a baixa de cocientes no inicio de todas as etapas educativas a partir do próximo curso 26/27, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e en 2012 tamén a partir do próximo curso e a fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinos artísticos
Comezan as 48 horas de folga convocadas polos sindicatos CIG e STEG en todo o ensino medio desde infantil ata Bacharelato, ademais da Formación Profesional e ensinos de réxime especial -conservatorios, escolas de idiomas, escolas de artes.
En concreto, a CIG informou de que está convocado un colectivo de máis de 30.000 docentes entre funcionariado de carreira, interino e substituto con incidencia en 374.043 estudantes, sen contar o alumnado de réxime especial, é dicir, preto de 400.000.
Pola súa banda, a Xunta fixou, nunha orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, os servizos mínimos para a folga de profesorado para este martes e este mércores, que terán que garantir a apertura e o peche dos centros escolares. Con todo, a folga afectará ao persoal docente dos centros educativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e desenvolverase desde as 00:00 horas do día 28 de outubro de 2025 ata as 24:00 horas do día 29 de outubro de 2025.
Reivindicacións
Entre as reivindicacións figura a baixa de cocientes no inicio de todas as etapas educativas a partir do próximo curso 26/27, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e en 2012 tamén a partir do próximo curso e a fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinos artísticos. Tamén medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade, un plan real de eliminación de burocracia que implique, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías. E melloras retributivas e redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas, entre outras.
Con todo, os sindicatos convocadores da folga levarán a cabo este martes unha marcha baixo o lema Viramos San Caetano, co obxectivo de dar un xiro ás políticas da Xunta, e o mércores desenvolverán manifestacións ata as Delegacións provinciais da Consellería.