Incéndiase unha nave industrial en Portas
As causas do incendio están a ser investigadas; o lume calcionou o 40 por cento das instalacións que se utilizan para a fabricación de toldos
Os corpos de seguridade confirmaron que non se atopaba dentro ningún traballador
Os servizos de emerxencias traballan a esta hora na extinción dun incendio nas instalacións dunha nave industrial de fabricación de toldos en Portas (Pontevedra), situada na PO-8004.
Segundo o 112 Galicia, aínda non se rexistraron danos persoais, aínda que si se notificou o desprendemento de obxectos da fachada da nave. Os operarios dos servizos de emerxencias seguen traballando nas tarefas de extinción, mais aseguran que o lume está "controlado".
O incendio comezou pasadas as 11 da mañá, momento onde o 112 recibiu varias chamadas que informaban da existencia de lume e fume que proviña da nave.
Así foi que os traballadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron un operativo, proporcionando unha ambulancia de urxencia, un dispositivo de bombeiros provinte de Ribadumia e efectivos tanto da Policía Local coma da Garda Civil.
Por outro lado, grazas ao traballo de Protección Civil de Portas púidose confirmar que non había ningún traballador dentro da fábrica.
"Estabamos informados de que o lume saía xa pola cuberta. Cando chegamos xa estaba actuando protección civil e lograran conter o incendio. Dirixímonos xa á planta superior a localizar os focos. Habia tres focos moi potenten con moita carga térmica", explica Gustavo Vázquez, Sarxento do Consorcio Provincial de Bombeiros.
Por agora, descoñécense as causas do incendio que por agora calcinou o 40 % da nave, mais xa están a ser investigadas.