Non todos os ocupas do inmoble calcinado da rúa Barreira, na Coruña, aceptaron ir a un albergue
Os veciños do número 29 da rúa San Nicolás non saben cando poderán regresar os seus fogares
A Policía Científica segue coa investigación
O edificio da rúa Barreira totalmente devorado polas lapas quedou precintado tras rematar os bombeiros os seus labores de extinción e arrefriamento.
"Os bombeiros traballaron desde que se orixinou o lume ata onte ás dez da noite que seguían botando auga desde o exterior", comenta un comerciante da zona.
Esta mañá, técnicos municipais achegáronse ao inmoble para inspeccionar o estado en que quedou tras o aparatoso lume. Un suceso que, na zona, din, non os colleu por sorpresa.
"Isto xa se vía vir porque en novembro xa houbo un amago. Sorpresa non foi. Houbo sorte de que non pasara nada grave", engade.
Con todo, varios comerciantes da rúa non dubidaron en botarlles unha man ás persoas que, aseguran, perdérono todo tras o incendio.
"Eu con eles nunca tiven problemas. Agora necesitan axuda e non podemos mirar para outro lado".
Dúas desas persoas volveron esta mañá ao lugar dos feitos e aseguraron seguir en choque.
"Bastante en choque seguimos. Eu estaba durmindo e cando espertei xa tiña o fume a dez centímetros da cara. Nunca vivira algo". "Eu se chego a quedar durmido aí, non sairía, porque son asmática".
Os que tampouco regresaron ás súas casas nin saben cando o poderán facer son os veciños do número 29 da rúa San Nicolás, afectado tamén polo lume. Mentres, a Policía Científica continúa coa investigación para esclarecer os feitos.