Prestixiosos cociñeiros con estrela Michelin buscan en Cedeira o mellor percebe do mundo
Nesta ocasión o mellor percebe foi o de Cedeira
Quedaron finalistas Camelle e A Coruña
En terra de percebes, en Cedeira, degústase estes días o afamado marisco nas máis variadas versións. Pode ser á grella. E non é a única proposta: "Temos unha falsa empanada de percebes, croquetas, percebes ao sal, pescadiña cun mollo feito con algas e percebes", explica Diego Iglesias, organizador do I Campionato do Mundo do Percebe.
Un marisco único con procedencia diversa. Aquí haino de Asturias, A Bretaña, Portugal ou Marrocos. E por suposto, Galicia. Ata 13 confrarías galegas someten o seu produto á cata dos padais máis esixentes. Os que forman o xurado do I Campionato do Mundo do Percebe.
Entre eles tres cociñeiros con estrela Michelin como o galego Luis Veira: "Este é un percebe de verdade: pequeno, vermello e gordiño. Como ten que ser!".
Para o chef Rafa Zafra, do restaurante Estimar en Barcelona e Madrid, o sabor esta por riba de todo porque sen sabor non hai cociña".
HideKi Matsuhisa, do restaurante barcelonés Koy Shunka, engadía que "desde a miña experiencia de máis de trinta anos na cociña vou investigar o sabor puro de sabor de mar".
Finalmente o xurado daba a coñecer o seu ditame. Nesta ocasión o mellor percebe foi o de Cedeira. Quedaron finalistas Camelle e A Coruña.