Prisión provisional para o monitor da piscina de Marín acusado por agresión sexual a menores
Ata seis nenas menores de 16 anos sufrirían agresións sexuais por parte do monitor
A xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza

Ata seis nenas menores de 16 anos sufrirían agresións sexuais por parte do monitor da piscina municipal de Marín que foi detido tras a denuncia presentada pola nai dunha das vítimas.
Así o revelou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que informou que o arrestado está investigado como presunto autor de seis delitos de agresión sexual a menores.
A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Marín, por mor destes feitos, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do monitor.
Durante a posta a disposición xudicial do detido, que estaba en período de formación, vivíronse episodios de tensión, xa que achegados dalgunhas das vítimas concentráronse ante o xulgado para expresar a súa indignación.
Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Marín impediron que os familiares se achegasen ao detido, ao que lle gritaron afeándolle a súa conduta coas nenas.
Os feitos producíronse desde o pasado mes de abril, a data en que esta persoa comezou a traballar na piscina, pero non transcenderon ata que o presunto agresor foi detido tras a denuncia presentada contra el.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, indicou que este traballo policial desenvolveuse coa "máxima discreción" pola natureza dos feitos.
Nun breve comunicado remitido aos medios de comunicación, o Goberno municipal considera que os feitos denunciados son "tremendos e lamentables".
"Poñémonos á total disposición das familias, ás que lles mostramos toda a solidariedade e para as que pedimos o máis absoluto respecto e intimidade", conclúe o comunicado.