Galicia é unha das comunidades con máis casos de diabetes tipo 2
No día mundial da diabetes, pacientes e especialistas inciden na importancia da información e da prevención
A persoa que convive cunha patoloxía como a diabetes sabe que non é un camiño de rosas. Conscientes desta realidade, en unidades como a do hospital de Verín intentan facilitarlles a vida.
"Para os pacientes non é só unha consulta para axustar a insulina ou o que comen, senón que tamén ten unha compoñente persoal onde tratamos de escoitar as persoas e de dar o mellor de nós como profesionais. Queremos que se sintan acollidos nas nosas consultas", asegura Lidia Cumplido, enfermeira educadora en diabetes deste hospital.
Consultas como esta atenden cada vez máis pacientes porque a incidencia da enfermidade vai en aumento en todo o mundo. Os datos da ONU indican que en 1990, 200 millóns de persoas sufrían esta doenza. En 2022 eran catro veces máis.
Por iso, dende unidades como estas inciden na importancia da información, e tamén da prevención.
"Debemos ser audaces e detectar a diabetes coa suficiente antelación como para adiantarnos ás posibles complicacións. Todos aquelas persoas maiores de 35 anos deberan realizar unha análise anual no centro de saúde para determinar a glicosa en xexún e a media do azucre dos últimos tres ou catro meses", di Iria Pinal, endocrinóloga no hospital de Verín.
A prevención é fundamental para evitar males maiores. Galicia é unha das comunidades con máis poboación con diabetes tipo 2. Pacientes e especialistas coinciden en que actuar cedo salva vidas.