Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hostaleiros da luguesa praza do Campo crean unha Ruta do Cocido por (E)Tapas

Hostaleiros da luguesa praza do Campo crean unha Ruta do Cocido por (E)Tapas

Cada un dos cinco locais participantes nesta iniciativa ofrece unha carne distinta do cocho

Quen deguste todas as tapas, a tres euros cada unha, poderá optar a diversos premios 

Félix Aragunde 23/02/2024 20:15 Última actualización 23/02/2024 20:28

Para comer, Lugo, e tamén para realizar unha ruta do cocido por etapas. A iniciativa parte dun grupo de hostaleiros da céntrica praza do Campo, que quixeron dinamizar este tempo de invernía coa elaboración, por partes en cadansúa tapa, do prato por antonomasia desta época do ano.

Cada un dos locais participantes nesta iniciativa ofrecerá unha carne distinta, coma o lacón, a orella, o morro, o chourizo ou o touciño. Isto si, todas as tapas se servirán acompañadas de verduras, patacas e garavanzos.

Iván Figueroa, hostaleiro: "O cocido, que é forte, repártese en varias etapas, para que non se faga tan pesado, indo a varios locais".

José Luis Pardo, hostaleiro: "Trátase, ao dar a volta á praza, de que coman e degusten practicamente un cocido completo por etapas. De aí o nome: Ruta do Cocido por (E)Tapas".

Quen queira percorrer enteira esta ruta e degustar todas as tapas do cocido poderá tamén probar sorte. Unha vez cubertos os folletos cos selos de cada un dos cinco locais, daranlles dereito a participar nun sorteo con diversos premios.

Iván Figueroa, hostaleiro: "Ao longo dun mes que expoñemos as tapas, sen ter por que consumilas nun mesmo día, entran nun sorteo para unha visita a unha adega, un lote de cervexas e mais un lote de viños".

As tapas de cocido desta nova ruta polo epicentro da zona de viños de Lugo estarán dispoñibles ata o 17 de marzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade