O mes de xuño, o favorito para os que escapan da masificación nas praias
É sinxelo aparcar o coche e hai moita tranquilidade
Os que se anticipan a agosto buscan escapar das masificacións e buscan prezos máis atractivos
A calor, para moitos, onde mellor se leva é, claro, na praia. Estamos en xuño. Sempre hai os que elixen este mes para as vacacións porque, contan, as bondades de anticiparse a agosto, por exemplo, son moitas.
Chegamos á praia da Frouxeira, en Valdoviño, coa idea de atopar un areal cómodo e sen moita xente e, non só acertamos, hai espazo para todos. Tamén atopamos moitos que, coma nós, elixen os días de xuño para vacacións porque, din, son todo bondades.
Unha parte menos boa da praia neste tempo é que non hai servizo de socorristas aínda, pero, se seguimos buscando beneficios de xuño, agora é sinxelo estacionar o coche case na area.
Hai sitio, por exemplo, para aparcar unha escola de surf que chega de Francia, especialmente, buscando as ondas galegas de Valdoviño. En xuño é un momento bo para o deporte, porque non hai moita xente.
As praias, con xente ou sen ela, son, con esta temperatura, seguro, a primeira das opcións dos que poden e teñen tempo para elas.