As reservas para o verán de alugueiros turísticos medran un 4 % en Galicia
A ocupación prevista rolda o 87%, que supón un 2 ou 3% máis ca no ano 2024
Sobe a demanda e tamén os prezos, que nalgunhas zonas poden chegar aos 2.500 euros por quincena
Medran por riba da media nacional as reservas de vivendas vacacionais en Galicia con vistas a este verán, principalmente nas zonas costeiras.
"Todas as previsións apuntan a que vai ser un verán moi positivo. No verán deste 2025 o valor residencial na costa galega, nas Rías Baixas, Rías Altas, Costa da Morte, Mariña lucense está en máximos, tamén está en máximos o valor do turismo. Vanse incrementar as pernoctacións, se xa no 2024 foron algo así como 12 millóns de pernoctacións, este ano vanse incrementar. Contamos cunhas previsións que oscilen entre un 87 ou 88% de ocupación, que vén sendo entre un 2 ou 3% máis ca no 2024", di Benito Iglesias, analista inmobiliario.
Sobe a demanda e tamén soben os prezos das vivendas vacacionais. Din os analistas que o incremento dos prezos débese á suba de custo de produtos e servizos e tamén á limitación de vivendas de uso turístico nalgunhas zonas e cidades.
As reservas custarán entre un 8 e un 10% máis que o verán pasado.
"En Sanxenxo pode flutuar entre 2.000 ou 2.500 euros a quincena, pero tamén é Bueu, Moaña, é A Guarda, é Baiona, é Nigrán, é Oleiros...", engadiu.
Os analistas tamén destacan a redución de máis dun 84% o stock de vivendas de segundas residencias na comparativa dos últimos 15 anos.
"Ese incremento de turismo nos dous últimos anos, constatamos que o stock de vivenda de segunda residencia que tiñamos arrastrando desde o ano 2007 ou 2008, que nos quedara aí embalsado e que era de máis de 15.000 vivendas nos anos 2008 – 2009, reduciuse a pouco máis de 2.000 vivendas", destacou Benito Iglesias.
A tendencia dos últimos anos é a recuperación de moito turista nacional e do norte de Portugal.
