Rubén Fernández, 5.º nun GP de Letonia dominado por Herlings
O piloto vigués rematou de cuarto, na mesma posición da carreira de cualificación, na primeira das quendas da xornada
Na segunda, tamén gañada por Herlings, foi o sexto, o que lle permite ascender ao quinto posto do mundial
O Mundial de motocrós entra na segunda metade co Gran Premio de Letonia.
Na primeira rolda desta mañá o vigués Rubén Fernández finalizou cuarto a pouco máis dun minuto da cabeza. Impúxose Jefrrey Herlings. Deu contido o ataque do seu compañeiro Lucas Coenen, que rematou un segundo por detrás. Mesmos resultados que na carreira de cualificación. O líder do campionato Roman Febvre foi sexto.
Rubén Fernández está de volta na grella despois da caída sufrida a semana pasada, que o privou de tomar parte na segunda quenda do GP de Alemaña, e tivo a súa participación en dúbida durante toda a semana. A segunda quenda deste GP de Letonia de MXGP verémola tamén en directo a través da G2 e de AGalega.gal a partir das 16:00 h.
Na segunda das probas da xornada tamén mandou Jefrey Herlings, que sumou un novo triunfo para saír do Gran Premio con 50 puntos. O liderado segue a ser de Romain Febvre, pero Coenen axexa ao piloto de Kawasaki a unha distancia de 504 puntos.
Rubén Fernández foi nesta proba de máis a menos, se cadra acusando o esforzo físico despois de pasar unha semana complicada. Durante moitos xiros foi cuarto, pero acabou cedendo ata a sexta praza, que o deixa fóra do podio final deste Gran Premio. O vigués, iso si, ascende ao quinto posto do campionato, cun total de 338 puntos.