Bryan Zaragoza aterra en Vigo para ilusionar o celtismo
O extremo andaluz chega ao Celta cedido polo Bayern de Múnic
Xa está en Vigo o extremo que reclamaba Claudio Giráldez e que promete ilusionar todo o celtismo. O internacional Bryan Zaragoza asinará contrato como cedido para esta temporada e con opción de compra baixo unha serie de variables (minutos xogados e posición final na táboa do equipo) que obrigarían o Celta a pagar uns 12 millóns de euros.
Despois de brillar no Granada, Zaragoza foi asinado polo Bayern de Múnic, onde non conseguiu adaptarse. O ano pasado, tamén cedido no Osasuna, deulle un salto de calidade ao seu equipo con seis asistencias e xerando moito perigo pola banda. Bryan falou para a TVG, onde expresou a súa alegría: "O bo faise agardar", dixo, e tamén asegurou que o coñecía todo do Celta porque estivo en permanente contacto con Claudio Giráldez.