Javi Rodríguez sofre unha rotura dos ósos propios do nariz sen desprazamento
O doutor Cota amosouse optimista coa recuperación para o inicio do campionato
Un dos contratempos que tivo o Celta no amigable contra o Grasshopper foi a lesión do defensa Javi Rodríguez. O canteirán tivo un choque co seu compañeiro Yoel Lago no minuto 26 do primeiro tempo. Como consecuencia tivo que marchar do partido e foi substituído por Óscar Mingueza.
Nunha primeira exploración o doutor Cota determinou que se trata da rotura dos ósos propios do nariz. En conversa coa Televisión de Galicia o médico do conxunto vigués amosouse optimista para a recuperación con vistas ao inicio do campionato porque "é unha rotura sen desprazamento". "Non tería problema en incorporarse ao traballo nun par de días cunha máscara e evitando os traumatismos, e nunha semana estaría ao nivel dos compañeiros".
De todos os xeitos, o equipo viaxará decontado a Vigo e realizaráselle unha exploración máis polo miúdo ao defensa do Celta.