Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lucas Coenen gaña o Gran Premio da República Checa

Lucas Coenen gaña o Gran Premio da República Checa

Romain Fevre, líder do Mundial, dominou con man de ferro a segunda manga tras sufrir unha caída na primeira

Rubén Fernández, segundo pola mañá, remontou ata a sétima praza. O vigués é cuarto na xeral

G24.gal 27/07/2025 20:14 Última actualización 27/07/2025 21:51

Acabou segundo na primeira manga do premio e Rubén Fernández tiña moitas opcións de facer podio pola tarde na República Checa. Pero un tropezo na primeira curva frustrou as posibilidades do piloto vigués, que malia todo fixo unha gran carreira. Dominou Fevre con man de ferro dende o inicio. O francés, quinto pola mañá tras unha caída que o fixo saír endiañado na segunda manga, xa era líder aos cinco minutos ao superar a Coldenhoff

Co liderado claro dende o inicio, a batalla foi pola segunda praza, entre o neerlandés e Coenen. Entrementres, Rubén Fernández recortaba postos dende as últimas posicións. A sete voltas para rematar, o galego era xa oitavo.

O segundo posto decidiuse a cinco minutos do final. Coenen adiantaba a Coldenhoff nunha manobra que obrigou o neerlandés a tocar o freo. Con cinco voltas por diante, xa as tres primeiras prazas estaban definidas. 

Aínda tivo tempo Rubén Fernández de remontar un posto. O galego apertou a Geerts, que o avantaxaba nalgo máis dun segundo a tres voltas, e colocouse sétimo ata o final, a dous puntos de facer podio. Malia a vitoria de Fevre na segunda manga, o Gran Premio foi para Coenen. 

Quedan seis probas para que remate o campionato. Fevre mantense á cabeza con dez puntos de vantaxe sobre Lucas Coenen. Coldenhoff é terceiro. A cuarta posición na xeral é para Rubén Fernández. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade