Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia: Terra de moinantes ou aldea gala? Un estrano exame de oposición en Cangas

Galicia: Terra de moinantes ou aldea gala? Un estrano exame de oposición en Cangas

A proba non incluía pregunta ningunha sobre a función que se vai desempeñar

"Establecer os tempos de cocción do polbo na feira do Carballiño": unha das funcións do presidente da Xunta

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 25/09/2025 21:59 Última actualización 25/09/2025 22:40

Un cuestionario, tipo test, para opositar a unha praza de oficial de servizos múltiples —un posto parecido ao de conserxe— en Cangas do Morrazo, xerou polémica por non incluír preguntas sobre a función que se vai desempeñar e por ofrecer nas respostas opcións cando menos rechamantes.

Entre as 35 cuestións, por exemplo, figura como define a Galicia o Estatuto de Autonomía e ofrécense estas catro opcións: "nacionalidade histórica, rexión de autonomía, terra de moinantes ou aldea gala".

Non menos sorprendente é unha cuestión sobre o contido do artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía que formula as respostas: "a lingua propia de Galicia márcana as forzas de seguridade do Estado"; "é o náhuatl ou o tupí guaraní no caso do Grove"; "é o arameo" ou "é o galego".

Tamén se lles pregunta sobre a lei do emprego público de Galicia e a clasificación dos funcionarios, con respostas como: "persoal interino, eventual, temporal e mercenarios"; "os que traballan"; "os que dan traballo aos que traballan" ou "non existe clasificación de empregados públicos nesa lei", ademais da correcta.

Ao ser preguntados sobre o código de conduta, entre as opcións de resposta propóñense "malversar fondos públicos en aras do enriquecemento lícito" ou "procurar que os tempos de resposta da administración sexan o menos curtos posible".

O cuestionario tamén recolle referencias á Casa Real, como que "teñen dereito a levar condecoracións da comunidade autónoma polo simple feito de nacer Borbóns".

"As competencias en materia de dereitos lingüísticos correspóndenlles aos habitantes da meseta, polo que no dolmen de Dombate só se usará o español de Valladolid", é outra das suxestións do test.

Ao preguntar sobre as competencias do presidente da Xunta, unha das opcións é que "establecerá un plan quinquenal que vele polo mantemento do eucalipto como árbore identificativa da comunidade" e outra, que se encarga de "establecer os tempos de cocción do polbo na feira do Carballiño".

En canto ás competencias de Galicia, menciona como posibilidades "a física cuántica como elemento disruptor da teoría do caos"; "ríos, fontes, prados, arborados, paxariños cantores e muíños"; ou "forzas do aire, terra, mar e lume; tamén a frecuencia con que debe muxirse a vaca rubia galega ou a promoción da bandeira LGBTQIA+".

Tamén hai referencias á igualdade entre homes e mulleres, apartado no que unha das respostas que se dan é "que as mulleres non poden traballar tras o anoitecer"; ou á discriminación directa, sobre a que formula como opcións que "as mulleres teñen que traballar máis horas" ou que o alcalde "impide traballar ás mulleres".

Outra pregunta aborda a violencia de xénero, na que o test inclúe "xogar á lotaría ou á brisca", "prohibición de ver televisión tras a cea" ou "comezar discusións sobre quen lava os pratos".

Entre as accións positivas ofrece como respostas posibles, ademais da boa, "dar premios a mulleres con máis de cinco fillos", "prohibir a educación ás mulleres" ou "obrigar os homes a recibir clases de baile en parella antes das festas".

Fontes municipais explican que este foi o segundo exame, porque o primeiro quedou anulado, e que ninguén acertou o cen por cen das respostas.

Con todo, xustifican que o realmente importante era a parte práctica, xa que a praza ofertada require destreza no mantemento das instalacións municipais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade