Galicia prepárase para recibir as primeiras folerpas de neve este xoves
Cen máquinas quitaneves coidarán de que as estradas estean transitables
Aínda falta un mes, pero o inverno deixa desde hoxe o seu primeiro aperitivo en Galicia.
Os termómetros baixaron en toda a comunidade, e vano facer aínda máis nas vindeiras horas.
Bufandas e gorros volveron á paisaxe galega e tamén saíron ás estradas os camións de sal en previsión das primeiras xeadas da tempada.
Cen máquinas quitaneves comezaron este mércores a quentar motores en Galicia.
Non é previsible que empecen a traballar nas vindeiras horas, aínda que non sería raro que este xoves caian as primeiras folerpas na montaña de Lugo e nalgún outro punto da comunidade por riba dos 900 metros.
Os que si se están despregando xa son os camións con salmoira para prever patinaxes nas estradas.
Parte dos tres millóns de litros preparados ao longo da rede viaria vanse verter esta noite, cando se esperan xeadas, sobre todo no sur de Ourense.
Na comarca da Limia, por exemplo, os termómetros xa marcaron este mércores valores negativos, un anticipo do inverno que será aínda máis notable a partir desta madrugada. Máis mérito para os peregrinos, pero pouco susto para os autóctonos.
"Nós xa estamos afeitos ao que nos boten", comentan os veciños.
"Non pasa nada, para min é case verán".
As previsións falan de que o mercurio marcará este xoves entre 3 e 5 graos menos ca este mércores, e moitos concellos non superarán a barreira dos 10.