A borrasca Claudia perde forza e vanse desactivando os avisos por inundacións
En Andalucía, a comunidade máis afectada, traballan na recuperación da normalidade
Andalucía, a comunidade máis castigada pola borrasca Claudia, vai recuperando a normalidade. O 112 atendeu alí máis de 900 incidencias causadas pola chuvia e o vento nos últimos días.
As maiores complicacións déronse na provincia de Huelva. Na capital recolléronse na tarde deste sábado 90 litros de auga por metro cadrado.
En Nerva, onde o desbordamento dun barranco anegou o centro da localidade, van concentrarse este luns para reclamar unha actuación urxente que evite que a situación se repita.
A borrasca deixou tamén preto de 300 incidencias en Sevilla, entre elas cortes de estradas.
O temporal tocou con forza todo o occidente andaluz pero tamén choveu a cachón noutros puntos da comunidade, onde deixou igualmente inundacións.
O debilitamento da borrasca foi desactivando os avisos e os plans de emerxencias en practicamente toda a península, pero aínda chove en moitos puntos.