Reforzan a busca dos tres turistas españois que seguen desaparecidos no naufraxio de Indonesia
Priorizan os labores de localización do barco por se os corpos puideran estar atrapados dentro
As autoridades marítimas de Indonesia aseguran que están redobrando os esforzos para localizar os corpos dos tres españois que seguen desaparecidos no naufraxio dunha lancha turística. Din que están despregando todos os equipos de rescate posibles na zona onde se afundiu a embarcación no Parque Nacional de Komodo.
Este mércores, Andrea Ortuño reuníase co gobernador da provincia indonesia na que está o Parque. Ela sobreviviu ao naufraxio. É ademais a nai da nena sobrevivente e tamén da que foi localizada sen vida este luns. Os que seguen desaparecidos son outro fillo seu, o seu marido actual e outro fillo del. Andrea mandou a filla sobrevivente de volta a España mentres segue a pé de porto cada día o traballo dos efectivos de busca.
Segundo o coordinador da misión, nesta sexta xornada van priorizar os labores de localización do barco por se os corpos dos desaparecidos puideran estar atrapados dentro.
Entre as 17.000 illas do arquipélago indonesio o mar revolto provoca a veces de súpeto trens de ondas fortes difíciles de prever
Ademais, os restos da embarcación axudarían a verificar as causas do naufraxio, que en principio atribúen a un fenómeno raro e difícil de prever que se produce de tanto en tanto neste inmenso arquipélago de máis de 17.000 illas.
Chámanlle o 'cala-cala', e dáse cando o mar aberto está moi revolto e empuxa grandes masas de auga cara aos pequenos canais que hai entre as illas, e iso provoca de súpeto trens de ondas de gran potencia. Suponse que tres destas ondas recorrentes foron as que provocaron o afundimento do venres pasado.