O frío da Noitevella dará paso a unha borrasca a partir do mediodía do día de Aninovo
Os que despidan 2025 na rúa vano ter que facer ben abrigados
Na madrugada de Aninovo terán -2º graos en Calvos, -1º en Monforte
Entre as noites longas e as néboas e xeadas que resisten durante horas, hai cidades como Ourense ou Lugo en que aos termómetros lles custa subir do cero. Mesmo noutras localidades en que o sol si asoma, as temperaturas son moi baixas. Unha medida da friaxe deste último día de 2025 podería ser o número de gorros, boinas, puchas e capuchas por metro cadrado que vemos pola rúa.
A moitos preocúpalles a noite. Na madrugada de Aninovo prevense -2º graos en Calvos, -1º en Monforte e 6 graos positivos en Carballo.
"A formación de néboas -na Terra Chá, Sarria, Lugo capital, Terra de Lemos, Ribeira Sacra e zona do Miño en Ourense- é certo que pode baixar moito a sensación térmica na Noitevella", explicou Alberto Romero, de MeteoGalicia.
En contrapartida, explícannos, o mar estará tranquilo e apenas haberá vento e nada de precipitación.
Pero 2026 comeza con borrasca. A primeira do ano afectará moito as Canarias e o Golfo de Cádiz. Pero aquí en Galicia teremos un día Aninovo de chuvia tranquila e, para quen poida, de sofá e manta.