Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal remite no sueste de España, cun balance de tres falecidos

O temporal remite no sueste de España, cun balance de tres falecidos

Esta mañá localizaron os corpos sen vida dun motorista en Íllora (Granada) e dun home en Alhaurín el Grande (Málaga)

Operativo de busca en Alhaurín el Grande (Málaga) (EFE/Carlos Díaz)
G24.gal 29/12/2025 13:18 Última actualización 29/12/2025 14:21

O temporal de choiva que deixou esta fin de semana importantes cantidades de precipitación no sur de Andalucía e da área mediterránea abandona este luns a península cun balance de tres persoas mortas.

A choiva causou, así mesmo, grandes danos por desbordamento de ríos, interrupción das comunicacións e desaloxo de poboacións afectadas. Aínda que o temporal se despide e dará paso a un tempo anticiclónico, aínda deixará hoxe chuvascos localmente moi fortes na área mediterránea e Baleares.

Os efectivos de procura localizaron no municipio de Cártama o cadáver do home que seguía desaparecido en Alhaurín el Grande (Málaga), tras a procura levada a cabo durante toda a mañá por 150 persoas, entre Garda Civil, bombeiros, Policía Local, Protección Civil e voluntarios. O desaparecido foi arrastrado coa súa furgoneta pola crecida do río Fahala. Xunto a el viaxaba outro home, cuxo cadáver xa se localizou, do mesmo xeito que o dun motorista ao que se lle levou a corrente en Íllora (Granada).

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) ofreceu hoxe os datos máis relevantes do temporal desta fin de semana, entre os que destacan os 179 litros por metro cadrado recollidos en Carcaixent (Valencia) o domingo, dos que 143 caeron en tan só 6 horas.

Ademais, 2.057 raios impactaron este domingo na Comunidade Valenciana, unha cifra moi superior ao anterior récord nun mes de decembro, 227 raios o 18 de decembro de 2016.

O paso do temporal pola Comunidade Valenciana rebordou leitos e barrancos e obrigou ao desaloxo de veciños ante o risco de crecidas, pero durante as últimas horas recuperouse progresivamente a normalidade nas comunicacións por estrada e por tren.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade