O lume calcina unha tenda de produtos agrícolas de Vimianzo
Almacenaba maquinaria e algúns produtos inflamables
Non houbo feridos, pero si importantes perdas materiais
O ruído das explosións e o fume que saía da tenda alertaron os veciños de Baíñas pasadas as oito da tarde.
"Era impactante ver o lume e oír os estoupidos que saían de dentro. Como vedes, era unha comercial que tiña produtos de todo tipo".
"Desde pinturas a disolventes, pasando por material e maquinaria agrícola de toda clase. Poden producirse pequenas deflagracións polos disolventes ou o combustible destas máquinas", explica Alberto Villanueva Rey, cabo do Consorcio de Bombeiros da Coruña.
As tarefas de extinción levaron máis de dúas horas e precisaron da intervención dos bombeiros de Cee e de Santa Comba. A enorme carga térmica do material almacenado dificultou a extinción.
"Dividímonos en dous equipos e atacamos desde dous lados. Era difícil avanzar dada a cantidade de material que había, non dabamos chegado aos focos das lapas pola cantidade de estantes e cousas que había polo medio", engade o bombeiro.
Amais de maquinaria, no interior había materiais inflamables, e a vivenda contigua estaba habitada. Non houbo danos persoais, pero os materiais foron cuantiosos. A agrotenda levaba máis de 20 anos prestando servizo na parroquia, onde hoxe lamentan a perda dun comercio rural máis.
"Sería xenial que puidesen reabrir. Cada vez queda menos xente, menos negocios no rural. Esta tenda tiña de todo e era un aliciente para que a xente viñera facer os recados a Baíñas".
Polo momento descoñécese o motivo do incendio, pero todo apunta a algún fallo eléctrico. Mentres se investigan as causas, toca quitar os cascallos e recuperarse dun susto que, por sorte, non acabou en desgraza.