O paso da borrasca Claudia deixa unha nova vítima mortal no sur de Portugal
Outras 28 persoas quedaron feridas, dúas delas de gravidade
O forte vento tirou o teito dun restaurante e provocou importantes estragos nun cámping de Albufeira
O forte vento que azouta o sur de Portugal deixa un reconto provisional dunha persoa falecida e 28 feridas, dúas delas graves, tras tirar o teito dun restaurante e provocar importantes estragos nun cámping de Albufeira.
O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, expresou a través das redes a súa solidariedade coa familia da vítima mortal e desexoulles unha "pronta recuperación" ás persoas feridas, de nacionalidade española, lusa e británica.
Outras dúas persoas morreron o xoves na zona de Seixal, na área metropolitana de Lisboa, tras o asolagamento dunha vivenda pola chuvia. Ese día, as inundacións obrigaron a evacuar xente tamén nos municipios de Abrantes, Salvaterra de Magos e Pombal.
Máis de 3.300 incidencias
Desde o mércores pasado, a Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil (ANEPC) rexistrou 3.363 incidencias relacionadas co paso da borrasca Claudia polo país veciño.
Segundo as previsións meteorolóxicas, o temporal vai continuar activo polo menos ata a madrugada do luns.