Publicador de contidos

Publicador de contidos

A festa da pisa da castaña recrea esta antiga tradición en Parada de Sil

A festa da pisa da castaña recrea esta antiga tradición en Parada de Sil

En Purdeus levan doce anos recuperando este labor que culminaba a temporada da castaña

Secaban o froito nos sequeiros para conservalo durante o inverno

G24.gal 15/11/2025 16:19 Última actualización 15/11/2025 16:30

"Normalmente facíano catro persoas, ao compás para que saia ben. É coma unha danza, coma unha muiñeira ou unha xota", explica un dos participantes, veciño da zona.

A pisa da castaña facíase nas airas. Era un traballo comunitario que puña fin á temporada da castaña. 

"Dánselle golpes para quitarlle a casca que ten e gardalas todo o ano para comer. É o que se comía antigamente nas aldeas, con leite, chourizo e morcilla", comenta o mesmo veciño.

Para asegurarse de que quedaban ben limpas, aínda había que peneiralas. Un traballo que require bos brazos e boa cintura.

"Daquelas había moitas. Estaba todo o día mallando nelas. Había quilos e quilos", lembra o encargado da criba.

Pero para que pelen ben, primeiro hai que secalas. Para iso se construían os sequeiros, hoxe sen uso máis que para facer demostracións.

"Hai que movelas dúas veces ao día cun instrumento que se chama rodo. E cando estaban secas, entre dez e quince días despois, facíase a festa da pisa", describe Paco Magide, concelleiro de Cultura.

Pero está festa non é só para recrear unha tradición perdida. Tamén aspira a potenciar a economía da castaña como instrumento para ordenar o monte. Este ano comercializaron 25.000 quilos.

"Vaise recuperar o souto tradicional, facendo podas e tratando contra as enfermidades que teñen os soutos", asegura Aquilino Domínguez, alcalde de Parada de Sil.

Un incentivo máis na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade