Dez acusados aceptan penas de 2 anos por unha trama que rebaixaba km de coches usados
Os acusados, que chegaron a un acordo coa Fiscalía de Lugo, son de nacionalidade romanesa e tres deles atópanse en paradoiro descoñecido
A banda dedicábase á compra de vehículos usados aos que, posteriormente, lles rebaixaba os quilómetros reais para vendelos máis caros no mercado de segunda man
Dez dos trece acusados de formar parte dunha banda que se dedicaba á compra de vehículos usados aos que, posteriormente, rebaixáballes os quilómetros reais para vendelos máis caros no mercado de segunda man, chegaron este luns a un acordo de conformidade coa Fiscalía de Lugo mediante o cal cada un deles aceptou unha pena de dous anos de cárcere.
Os acusados son de nacionalidade romanesa e tres deles atópanse en paradoiro descoñecido. O ministerio público imputáballes aos membros da banda os delitos de estafa e pertenza a grupo criminal.
Segundo informaron xurídicas, en virtude do acordo de conformidade entre acusación e defensa que foi formalizado este luns na Audiencia Provincial de Lugo, os procesados aceptaron unha pena de ano e medio de prisión polo delito de estafa e outros seis meses por pertenza a grupo criminal. Así mesmo, comprometéronse a indemnizar a máis dun centenar de afectados.
O seu avogado xa solicitou a suspensión da pena de cárcere.
A Fiscalía sostén que, no período comprendido entre os anos 2014 e 2017, “postos todos eles de común acordo e actuando con ánimo de obter un beneficio económico inxusto, concertáronse para a realización reiterada de operacións de compra e posterior venda de vehículos, aos cales procederon, previamente ao seu alleamento, a manipular, rebaixando a quilometraxe que constaba nos seus respectivos hodómetros”.
Posteriormente, ofertaban eses vehículos a terceiras persoas, ás que lles facían “crer falsamente que os quilómetros” que figuraban nos coches “eran os reais”.
Con iso, facían pensar aos afectados que o “estado” e consecuentemente o “valor” do vehículo era moi superior “ao verdadeiro”, na “errónea crenza” por parte dos afectados de que eses coches non ían ter “avarías ou defectos graves”.