A Xunta prevé convocar sobre 1.500 prazas de profesorado en 2026
A cifra exacta da oferta pública de emprego concretarase cando se coñeza o número de xubilacións no sistema
O conselleiro de Educación fixo o anuncio na comparecencia parlamentaria para presentar o proxecto de orzamentos para o seu departamento do próximo exercicio
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avanzou este luns que a Xunta prevé convocar na próxima oferta pública de emprego do ano 2026 arredor de mil cincocentas prazas de profesorado, á espera de concretar a cifra exacta cando se determine o número de xubilacións no sistema.
Así o trasladou durante a súa comparecencia parlamentaria para presentar o proxecto de orzamentos para o seu departamento do próximo exercicio, no que -destacou- a partida destinada a cubrir os salarios dos docentes do sistema público crece ata os 1.819 millóns de euros, case 38 millóns máis que o ano anterior.
Os custos laborais representan aproximadamente o 58,8 % do total de gastos da Consellería de Educación, que empregará este curso a 31.756 profesores, uns setecentos máis que os recolleitos no catálogo dos centros, segundo apuntou Rodríguez.
O orzamento total deste departamento do Executivo autonómico ascende ata os 3.090 millóns de euros, un 1,4 % máis ca o ano anterior, a pesar da caída dos fondos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
As principais novidades destas contas son a inclusión dunha nova liña de axudas ás familias para sufragar os custos do servizo de comedor escolar, á que se destinarán 2,8 millóns de euros para beneficiar arredor de vinte mil alumnos; e as deducións fiscais pola compra de libros e material escolar.
O conselleiro manifestou que estas contas permitirán á Xunta seguir desenvolvendo as súas políticas, ao amparo do acordo asinado en outubro de 2023 con parte dos sindicatos educativos, e incidindo en liñas estratéxicas como a inclusión, a dixitalización ou a mellora da atención ao alumnado estranxeiro.
Así mesmo, salientou que Galicia conta hoxe con máis profesores a pesar da caída do número de alumnos e que mellora as medias estatais nas cocientes de alumnos por aula.
En canto aos ensinos universitarios, Rodríguez apuntou que se alcanza o "maior investimento da historia", con case 560 millóns de euros, ao mesmo tempo que se manteñen outras medidas en prol de mellorar a accesibilidade ao sistema, como as matrículas gratuítas ou a conxelación das taxas.
Deste xeito, a Xunta gasta uns 9.655 euros por alumno desta etapa e alcanza xa o obxectivo do un por cento do PIB dedicado a universidades fixado polo Goberno central para 2030.
Reaccións nos grupos parlamentarios
A presentación destas contas non atopou, con todo, o aval dos grupos da oposición, que cuestionaron a xestión do Goberno galego en materia educativa e instado a corrixir as carencias existentes.
A deputada do BNG María Cristina Fernández Davila tachou de "penoso" que o orzamento para Educación da Xunta creza só un 1,4 %, notablemente menos que o IPC, e definiu como "precario" un proxecto que, segundo explicitou, "non pode asumir os futuros retos educativos".
"Dan ganas mesmo de chorar", sentenciou a parlamentaria nacionalista, que censurou que a administración autonómica non cumpra nin os seus propios acordos e presente unhas contas con subidas "mínimas" logradas "á conta de recortar outras partidas que son esenciais", como as de investimentos para a mellora de centros educativos.
Pola súa banda, Aitor Bouza, do PSdeG, sostivo que o discurso da Consellería "non se corresponde cos feitos" e afeou a Rodríguez que xustifique non poder acometer certas accións por falta de fondos cando o Goberno do que forma parte renuncia a case oitocentos millóns en ingresos por manter as súas rebaixas fiscais.
"Claro que é un modelo", remarcou Bouza, que botou en falta maiores partidas para as reformas en instalacións educativas, a ampliación de comedores ou a contratación de máis profesionais de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe para atender correctamente aos alumnos con necesidades especiais.
Mentres tanto, a deputada do PPdeG Cecilia Vázquez cuestionou os argumentos da oposición e sinalou a organizacións como o sindicato CIG, maioritario na mesa sectorial e non participante do acordo coa Consellería, a quen acusou de querer "adoutrinar" os estudantes coas súas campañas informativas.