Seis alumnos galegos, entre os gañadores dos premios nacionais das Olimpíadas Científicas
Os galardoados recibiron premios por valor de 500, 750 e 1.000 euros, en función da categoría
Un total de 71 estudantes de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de bacharelato recibiron este venres na Biblioteca Nacional de Madrid, os premios nacionais das Olimpíadas Científicas 2025 e o recoñecemento do Ministerio de Educación polos seus éxitos nas fases internacional e iberoamericana destas competicións.
Entre os galardoados hai seis alumnos de Galicia: Hugo Gurgullo Basanta (2º de bacharelato), cuarto en xeoloxía; David Lago Alonso (1º de bacharelato), terceiro en informática e oitavo en física; Santiago Otero Lago (1º de bacharelato), segundo en xeoloxía; Hugo Regueiro Pérez (1º de bacharelato), oitavo en xeoloxía; Pablo Freire Fernández (4º ESO), segundo en matemáticas; Miguel Cores Mejuto (2º de bacharelato), sexto en matemáticas.
Cada ano, miles de estudantes de todo o país compiten nas fases autonómicas que dan acceso á competición nacional nas materias de Física, Matemáticas, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Economía e Informática. O acto estivo presidido polo secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, e a directora xeral de Planificación e Xestión Educativa, Susana Tejadillos, quen felicitou os estudantes e reiterou o apoio do ministerio a estas competicións.
"Espero que esta oportunidade contribúa a incrementar a vosa curiosidade por seguir descubrindo, e que vos dea o impulso para perseguir que este mundo, que cada vez se transforma de maneira máis rápida, sexa mellor", sinalou De la Rosa.
Entre os premiados, asistiron 12 alumnas que escoitaron as palabras motivadoras de Rocío García Rubio, directora do programa Galileo en Thales Alenia Space España e mentora no programa STEM Talent Girl, quen as animou a romper os estereotipos de xénero que limitan a promoción do talento nestas disciplinas.
O ministerio destacou a participación da Comunidade Valenciana, que conseguiu quince medallas nas fases nacionais das distintas disciplinas, sendo a comunidade autónoma máis galardoada, seguida de Madrid e Cataluña. O acto contou coa participación de representantes das sociedades científicas das distintas disciplinas, así como de familiares dos estudantes.
Os galardoados recibiron premios por valor de 500, 750 e 1.000 euros, en función da categoría.