Coches que hai que agarimar no Salón do vehículo clásico da Estrada
Turismos, motos, tractores e motocicletas, ademais dun mercado de pezas e accesorios
O Club 127 Galicia acudiu con case medio cento de turismos.
A última feira de vehículos clásicos do ano reúne na Estrada, durante esta fin de semana, numerosos curiosos e afeccionados á mecánica.
"O que máis chama a atención? O estado dos coches, a antigüidade. Ao que lle gusta o mundo do "ferro" goza un pouquiño disto", di Manuel González, do Club AVA de Pontevedra.
Autobuses, motocicletas e coches, moitos coches de distintas épocas. Porque este salón é unha ocasión especial para poder ver de preto vehículos que non adoitan circular polas estradas. E aos que hai que tratar con agarimo.
"Cada semana, cada 15 días, hai que acendelos, telos a punto para que non se estraguen por estaren parados. Telos nun local axeitado, que non se mollen, cunha temperatura boa para que non se estraguen os tapizados e nada máis", explica José Miranda, un particular que amosa tres Mercedes dos anos 50, de 1975 e de 1992.
O club máis numeroso, o dos Seat 127, que reuniu case medio centenar destes turismos que se fabricaron entre principios dos anos 70 e dos 80.
"Seguramente que hoxe entrar no mundo do vehículo clásico está un pouco máis difícil porque está todo moi caro, pero ver xuntos tantos modelos dunha marca supoño que gustará moito. Tamén é un modelo que se vendeu moitísimo, case en todas as casas houbo un 127", conta Marco Vila da Club 127 Galicia.