Galicia produce o 42% de todo o leite que se elabora en España
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez destacou que Galicia é unha "potencia leiteira" e que ademais concentra un 56% das explotacións leiteiras
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, inaugurou a 1ª edición do Foro Lácteo no marco da Feira Internacional para a Produción Animal (Figan), que se celebra esta semana en Zaragoza, onde destacou que Galicia é unha "potencia leiteira".
Galicia ten cada vez máis peso na produción de leite: xa sae de aquí o 42% de todo o que se produce en España. E ademais a nosa comunidade concentra un 56% das explotacións leiteiras.
Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, sinalou a importancia deste tipo de eventos, de grande utilidade para "intercambiar coñecementos e dialogar" sobre o presente e o futuro dun sector "vital" para a economía galega e española.
Acto seguido, definiu Figan como "o maior escaparate gandeiro do sur de Europa".
En referencia a Galicia, a titular deo Medio Rural explicou que o sector lácteo representa o 1,5% do PIB galego e supón o 2% da produción industrial nacional, polo que se constitúe como un ámbito "esencial".
María José Gómez detallou a aposta impulsada pola Consellería do Medio Rural para este sector, baseada en tres piares: "A substitución xeracional, a innovación e a transformación da materia prima".
Sobre este último aspecto, a Xunta destacou que puxo en marcha unha estratexia de dinamización específica, que entre os seus obxectivos busca conseguir que o 75% do leite producido en Galicia se transforme dentro da comunidade, co fin último de dotar de valor engadido o produto.