ASAGA alerta de prácticas abusivas das industrias lácteas cos gandeiros
Sinala que as empresas queren ampliar a duración dos contratos agora que se prevé unha suba de prezos
A asociación denuncia tamén que as granxas pequenas reciben ata dez céntimos menos por litro que as grandes
Toca renovar os contratos lácteos e moitos gandeiros, como Manuel, están fartos de levar sempre a peor parte da negociación. Desta volta a polémica está na duración dos contratos. Di que cando os prezos ían á baixa as industrias negábanse a asinar por máis de catro meses. Agora que hai perspectiva de que suban as cotizacións, propoñen amplialos ata os oito meses.
"Como hai un cambio de tendencia parece que queren facer contratos de longa duración para asegurarse de que van ter materia prima pero sen incluír cláusulas de revisión se os prezos seguen á alza", explica Manuel Iglesias, da SAT O Chope de Silleda.
As que levan a peor parte son as explotacións de menor tamaño. Segundo denuncia a Asociación Agraria Galega, están a recibir ata dez céntimos menos por litro que as explotacións grandes.
"Ti por ter volume pequeno penalizámoste con dez ou doce céntimos menos, cando o teu leite é igual ou mesmo mellor ca o do veciño, que como entrega máis recibe máis", engade o gandeiro.
Un agravio para o que non atopan explicación, posto que precisamente as pequenas ganderías son as que máis contribúen a manter un rural vivo.
"Vertebran o rural galego e fan un importante labor ambiental de coidado da paisaxe e a natureza, se pechan haberá máis abandono e maior risco de lumes", lamenta Manuel.
Alertan de que se esta discriminación continúa haberá peche de granxas, e tamén baixada de produción, polo que ambas partes da negociación sairán prexudicadas. A solución, din, un trato igualitario e un prezo xusto polo leite, especialmente despois de varios anos cos custos de produción disparados.