Roberto García: "Nin queremos sancionar a industria nin cremos que a solución sexa o conflito permanente"
Roberto García: "Nin queremos sancionar a industria nin cremos que a solución sexa o conflito permanente"
García foi reelixido como secretario xeral de UU. AA. co 93 % dos votos despois de 32 anos no cargo

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU. AA.), Roberto García, fai un chamamento a acabar coa confrontación na industria e a resolver na negociación colectiva, e non nos xulgados, as "tensións derivadas do prezo do leite".
É a mensaxe que trasladou no 'Bos días' da TVG, a onde acudiu tras ser reelixido no cargo esta fin de semana. Despois de 32 anos á fronte do sindicato agrario, García recibiu o apoio do 94 % dos seus compañeiros para continuar liderando Unións Agrarias.
"Se temos unha lei que obriga a que cada elo da cadea pague o outro por riba do que custa producir, o lóxico sería que a maioría dos conflitos se solucionasen nunha mesa e non ter 5.000 demandas que supoñerán indemnizacións millonarias", explica; "Nin nós queremos sancionar a industria, nin cremos que a solución sexa o conflito permanente, que xera inestabilidade e desánimo entre a mocidade".
García aposta por un cambio de modelo e ir cara "unha organización máis aberta" que atraia á mocidade ó mundo rural. "É necesario que o rural teña vida, pero para que a xente se incorpore a traballar é imprescindible que reúna as condicións para poder vivir dignamente", afirma.
Só atraendo xente nova, di, evitarase o abandono, que se sitúa como a principal causa dos lumes.
Ademais, o secretario xeral de UU. AA. pide escoitar os propietarios forestais antes de decidir sobre a moratoria do eucalipto, que finaliza en decembro deste ano. Segundo indicou, "a moratoria do eucalipto non foi a solución para as plantacións de piñeiro. Cada ano perdemos 1.500 hectáreas desta especie. Só coa moratoria non chega".