Medio Rural avanza na perimetración, pero só é posible con medios aéreos no de Pena Trevinca
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reitera a voracidade desta vaga de incendios e compromete axudas para as zonas afectadas
Os incendios forestais en Galicia deixaron xa máis de 88.000 hectáreas queimadas, con danos en vivendas, explotacións gandeiras e incidencias na subministración de auga en varios concellos en Ourense.
Segundo informou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a situación máis urxente concéntrase nos seis incendios activos da provincia de Ourense, entre eles, o de Pena Trevinca, onde só poden actuar os medios aéreos pola dificultade do terreo, e o de Vilariño de Couso e Oímbra.
“Traballamos con maquinaria pesada para pechar os perímetros o antes posible. Son incendios voraces, con condicións meteorolóxicas extremas, moi difíciles de controlar”, explicou a conselleira.
As condicións meteorolóxicas, marcadas pola seca e o vento, complicaron notablemente os labores de extinción e mesmo reactivaron incendios que xa se consideraban estabilizados.
"Son incendios voraces e difíciles de apagar. As condicións meteorolóxicas dificultan as tarefas de extinción", recoñeceu a conselleira.
A conselleira do Medio Rural anunciou que garantirá alimento para o gando das explotacións afectadas e dende a Xunta preparan unha orde de axudas.
"Estamos traballando nesa orde de axudas que se incluirá para apicultores, gandeiros e propietarios de terreos e granxas afectadas", explicou.
Ademais, o vindeiro martes declararase zona catastrófica nas áreas máis castigadas polos incendios.
"Agardamos que o Goberno central active de xeito áxil esas axudas necesarias para reconstruír o territorio", subliñou Gómez.
Desde a Xunta solicitáronse 200 efectivos da UME, aínda que se reclaman máis bulldozers para axudar a perimetrar os incendios.
"Chegaron 200 efectivos da UME que solicitaramos, pero tamén pedimos medios materiais, sobre todo 'bulldozers', que non chegaron tantos como solicitamos e son imprescindibles para perimetrar esas zonas dos incendios".
A vaga de incendios reabre o debate sobre as políticas ambientais e a xestión forestal e cada vez son máis as voces que piden un cambio.
"Dende a Xunta de Galicia vénse traballando dende moitos anos dun xeito intenso. A Consellería está traballando en política forestal, especialmente nas zonas da montaña lucense, e con fórmulas de xestión conxunta e axudas ás repoboacións", afirmou.
A conselleira afirmou que avanzan as investigacións sobre a orixe dos incendios e que todo apunta a imprudencias ou intencionalidade, con máis de 20 persoas investigadas.