Publicador de contidos

Publicador de contidos

Decretan o nivel 2 de alerta nun incendio en Arbo que está próximo aos núcleos do Pereiro e o Urzal

Decretan o nivel 2 de alerta nun incendio en Arbo que está próximo aos núcleos do Pereiro e o Urzal

Un incendio en Cerdedo-Cotobade obriga a desaloxar 30 persoas na parroquia de Tenorio

A superficie queimada en Meaño subiu a 60 hectáreas, este incendio está estabilizado

Medio Rural prohibe dende este martes as queimas agrícolas

Incendio en Arbo Incendio en Arbo
G24.gal 29/07/2025 18:19 Última actualización 29/07/2025 21:22

Un incendio forestal que afecta ao concello de Arbo obrigou este martes a declarar o nivel 2 de emerxencia, que implica perigo para poboacións, estradas e persoas.

As lapas esténdense pola parroquia que leva o mesmo nome do concello, a parroquia de Arbo. 

O nivel de emerxencia decretouse pola proximidade aos núcleos de poboación do Pedreiro e O Urzal.

O incendio iniciouse ás 18.23 horas de hoxe e segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 4 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 2 helicópteros.

Incendio próximo ás casas en Arbo Incendio próximo ás casas en Arbo

Máis 20 hectáreas queimadas no concello lucense de Carballedo

O municipio lucense de Carballedo súmase aos que tiveron que facer fronte a incendios forestais, cun lume na parroquia de San Mamede de Lousada que, segundo as estimacións provisionais, supera as 20 hectáreas, pero que sobre as 22:30 horas deuse por estabilizado. Mobilizáronse para a súa extinción 6 axentes, 11 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 3 avións.

30 desaloxados en Cerdedo-Cotobade e 60 hectáreas queimadas en Meaño

En Meaño subiron a 60 as hectáreas afectadas por un incendio na parroquia de Xil que está estabilizado dende as oito da tarde deste martes.  Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 7 axentes, 12 brigadas, 14 motobombas, 3 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

En Cerdedo-Cotobade permanece activo outro incendio que obrigou a desaloxar dos seus fogares a unha trintena de persoas na parroquia de Tenorio.

Incendio en Meaño Incendio en Meaño

Outros incendios

En  Salvaterra de Miño, en Pesqueiras, quedou controlado dende as 20:48 deste martes o incendio  que obrigou na pasada xornada a activar a situación de alerta preventiva por proximidade de vivendas. O lume arrasou 47 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse 16 axentes, 24 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 4 técnicos, e 1 unidade técnica de apoio.

Fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron que quedou extinguido outro incendio, este de orixe agrícola, en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de San Xurxo de Sacos.

En Gondomar (Pontevedra), quedou controlado un incendio rexistrado en Vincios.

Na provincia de Lugo, hai dous incendios activos, en Quiroga e Carballedo; e en Ourense outro na mesma situación en Carballeda de Avia, aínda sen cálculos de superficie queimada. 

 Dous incendios, en Camariñas e Sanxenxo, afectaron á circulación, aínda que fontes da Garda Civil da provincia coruñesa e do Concello pontevedrés ratificaron que a situación xa quedou normalizada.

No caso de Sanxenxo, o incendio produciuse en terreo forestal con vexetación baixa en Major. Ata o lugar desprazáronse medios de emerxencias municipais, así como bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra, un helicóptero, catro brigadistas da Xunta, así como efectivos de Policía Local e Garda Civil.

Fontes municipais afirmaron que se calcinaron uns 3.000 metros cadrados, aínda que non houbo ningún desaloxo de vivendas. Tamén se chegou a cortar o tráfico e a desviar brevemente, aínda que finalmente a situación normalizouse.

A mobilización de efectivos tamén permitiu controlar con rapidez a situación provocada por un incendio forestal nas Carballas, en Camariñas.

Fontes da Garda Civil confirmaron que o avance das lapas, con forte vento, obrigou a controlar a circulación, que se fixo máis lenta por momentos, aínda que "non se chegou a cortar de todo o tráfico". Tamén neste caso a situación normalizouse.

Medio Rural prohibe as queimas a partir deste martes

A consellería do Medio Rural prohibe dende este martes e ata novo aviso as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade