Galicia activa o protocolo tras detectar o primeiro caso sospeitoso de varíola do mono
Trátase dunha persoa que non está hospitalizada e que ten síntomas compatibles coa enfermidade
Madrid eleva a 30 os casos de varíola do mono e 15 máis sospeitosos

Un caso sospeitoso dun enfermo con síntomas parecidos aos da varíola do mono foi detectado na mañá deste venres en Galicia, onde a Consellería de Sanidade procedeu a activar o protocolo.
Trátase dunha persoa que "non está hospitalizada", aínda que teñen síntomas "compatibles" con esa enfermidade e as autoridades esperan o resultado das probas efectuadas, precisa a Xunta nun comunicado.
Ao paciente efectuóuselle unha análise PCR e a mostra foi remitida ao Instituto de Saúde Carlos III, en Madrid, que centraliza ese tipo de casos, engade a Xunta, que di estar "vixiante" á espera de confirmar se se trata ou non do primeiro caso detectado en Galicia.
A Consellería de Sanidade indica na nota que está á espera de recibir o protocolo definitivo por parte do Ministerio de Sanidade e subliña que acaba de activar un protocolo para os profesionais do sistema de saúde pública para identificar posibles casos desa enfermidade.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarca que está en "alerta" en espera de que o Ministerio de Sanidade fixe un criterio "homoxéneo" para "definir" os casos de varíola do mono en España e coñecer a dispoñibilidade real de vacinas.
Así, remitiuse aos centros asistenciais galegos, como os servizos de urxencias, o 061 e os centros de atención primaria un primeiro protocolo elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, para que calquera sanitario poida coñecer os criterios para incluír un caso nesta alerta sanitaria, como o propio conselleiro de Sanidade confirmou, en declaracións aos medios este venres en Muíños (Ourense).
"Evidentemente, á vista da situación que se está producindo en Madrid con eses casos confirmados e ese alto número de casos sospeitosos, estamos alerta para canto antes aquí algún caso entre nesa definición poder canto antes identificalo, confirmalo, que é unha cuestión tamén importante a confirmación mediante PCR e remitindo as probas ao Instituto Carlos III", afirmou o conselleiro.