Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade chama á prudencia para controlar o gromo de varíola do mono en Galicia

Sanidade chama á prudencia para controlar o gromo de varíola do mono en Galicia

Os nove positivos son homes, están en illamento domiciliario e con medidas profilácticas ata que remate a convalecencia

G24.gal 03/02/2026 13:52 Última actualización 03/02/2026 14:58

"Detectamos nove casos, que poden parecer poucos, pero son máis dos detectados en todo o ano anterior", explica Suso Prego, o xefe do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica.

Advirte de que o número de positivos podería seguir medrando dado que os últimos casos confirmados son aínda recentes. E por iso os responsables de Saúde Pública piden extremar a prudencia.

"Evitar as prácticas sexuais de risco e, se pensan que puideron estar en contacto con algún caso, que o comuniquen ao seu médico. Calquera proba positiva salta aos sistemas de información e, unha vez que se detecta o caso, hai unha entrevista para intentar buscar contacto", explica Suso Prego.

O virus ten ata 21 días de incubación. Os contactos dos positivos deben vacinarse, reducir o contacto social e estar atentos aos síntomas.

Para os contaxiados prescríbese illamento no domicilio, usar máscara, evitar contacto con mascotas e, sobre todo, tapar as bostelas, que son a parte que máis contaxia.

"Transmítese principalmente polo contacto coas lesións, non é estritamente unha ETS. E tamén se pode transmitir en menor medida a través dos obxectos e, en moita menor medida, polas vías respiratorias", di o xefe do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica.

Inmunodeprimidos, embarazadas e persoas novas son os que teñen máis risco de padecer enfermidade grave. Este gromo de varíola do mono é o máis importante en Galicia desde que se declarou a alerta mundial en 2022.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade