Sanidade chama a vacinarse de mpox a quen pense que puido ter contactos de risco
O departamento de Saúde Pública confirmou tres novos casos da denominada varíola do mono en Galicia
Os novos casos seguen o patrón dos anteriores. Os infectados son homes, predominantemente da provincia da Coruña e de mediana idade, entre 35 e 65 anos. Desde Saúde Pública explican que non está identificada unha fonte de transmisión.
"Calquera persoa que, aínda que non teñan síntomas, pense que puido estar exposto a un caso de mpox o que ten que facer é falar co médico e comunicarlle que pensa que puido estar exposto a un contacto de risco. E que o faga o antes posible porque idealmente nos primeiros 4 días -pero poderíase facer ata nos 14 primeiros se non hai síntomas- pódeselle subministrar unha medida de profilaxe, que é a vacina", dixo Suso Prego, o xefe de Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica.
O síntoma máis característico son as bochas "que adoitan ser de aspecto vesicular, ou postular, teñen líquido branco ou un pouco máis escuro". E tamén pode dar outros síntomas similares a outra infección vírica como febre ou malestar xeral. O período de incubación son 21 días e hai que agardar dous períodos para dar por controlado o gromo.