Galaxia, Martín Códax, Baños Films e Antón Corral, entre os distinguidos nos Premios da Cultura Galega 2025
Galaxia, Martín Códax, Baños Films e Antón Corral, entre os distinguidos nos Premios da Cultura Galega 2025
Tamén foron premiados a Mostra de Teatro Cómico de Cangas, o programa radiofónico Sempre en Galicia, a campaña Aquí tamén se fala ou a Bienal de Pontevedra
Membros do xurado dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura
A editorial Galaxia, a Bienal de Pontevedra, a Mostra de Teatro Cómico de Cangas, as adegas Martín Códax, Baños Films, a campaña Aquí tamén se fala, Antón Corral e o programa radiofónico Sempre en Galicia son os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2025, anunciou este xoves o xurado.
O xurado reuniuse na Cidade da Cultura, presidido polo conselleiro de Cultura, José López Campos, e tras o encontro, publicou o ditame nas diferentes categorías propostas.
Na categoría de Letras, o premio foi para a editorial Galaxia; en Artes Visuais, para a Bienal de Pontevedra, e en Artes Escénicas, para a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Na de Música distinguiuse ás Adegas Martín Códax, na de Audiovisual á distribuidora cinematográfica Baños Films, e na de Lingua á campaña Aquí tamén se fala.
Na categoría de Patrimonio Cultural, o premio foi para o gaiteiro e artesán de instrumentos musicais Antón Corral, e na de Proxección exterior para o programa de radio Sempre en Galicia.
A Consellería de Cultura sinalou nun comunicado que con estes premios, a Xunta distingue un ano máis "a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa comunidade", así como "o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia".
O xurado estivo integrado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e María López Sández, en representación do presidente da Real Academia Galega.
Tamén formaban parte do mesmo a xornalista Esther Estévez; o director do Festival Internacional Outono de Teatro, Alberto Sueiro; a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, Verónica Santos; e a pianista e directora do festival IKFEM, Andrea González.