Premios Palco: The Rapants, artista do ano
Ademais, a Fundación Paideia recibiu o premio á Persoa do Ano polo seu apoio aos artistas emerxentes
O festival Surfing The Lérez gañou por segundo ano consecutivo o premio á Excelencia na Experiencia do Público
O grupo The Rapants recibiu este martes o Premio Palco ao artista do ano 2026. A banda de Muros foi unha das protagonistas da segunda edición destes galardóns, que recoñecen as traxectorias e os proxectos máis destacados da industria musical galega.
Hai unha ducia de categorías, desde o mellor evento do ano ata a mellor produción discográfica ou o mellor espazo musical. Ademais, a Fundación Paideia recibiu o premio á Persoa do Ano polo seu apoio aos artistas emerxentes.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu ao sector musical como "un dos salientables motores culturais de Galicia" durante a súa participación na gala de entrega.
No acto, o representante do Goberno galego enxalzou o "gran momento" que atravesa a música na comunidade, un fito que atribuíu á "madurez, diversidade, talento e excelencia" tanto dos profesionais como dos proxectos artísticos.
López Campos puxo de relevo a elevada asistencia de público, as boas críticas e os numerosos recoñecementos obtidos polas iniciativas e artistas que empregan o galego, asegurando que se demostra "a validez da lingua propia para calquera expresión artística e para o público máis novo".
Así mesmo, por votación popular, o festival Surfing The Lérez gañou por segundo ano consecutivo o premio á Excelencia na Experiencia do Público.
Estes galardóns, anteriormente denominados Premios da Industria Musical de Galicia, son froito da colaboración da Consellería de Cultura coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que agrupa a 59 empresas, artistas e axentes.