Xunta e sindicatos fan fronte común contra recortes na futura PAC e escenifican a división sobre Mercosur
Xunta e sindicatos fan fronte común contra recortes na futura PAC e escenifican a división sobre Mercosur
Xunta e organizacións agrarias levarán un documento conxunto coas súas demandas sobre a PAC ante o Ministerio
Medio Rural, UU. AA. e Asaga móstranse a favor do acordo con Mercosur, pero con salvagardas, mentres o SLG oponse e convoca mobilizacións
Hai incerteza no sector agrario ante a proposta da Política Agraria Común que ten sobre a mesa a Unión Europea. A redución de fondos ameaza o futuro de moitas explotacións. Desde as organizacións agrarias din que hai marxe para a negociación desde a unidade.
"Chegar cunha proposta razoable que permita a adhesión do resto de comunidades e chegar cunha fronte ampla do modelo de produción máis ligado á gandería que á agricultura", explica Roberto García de Unións Agrarias.
Organizacións agrarias e Xunta de Galicia elaborarán unha proposta de consenso que recolla a necesidade duns fondos diferenciados.
"Para nós é moi importante que se manteña un posicionamento conxunto do Consello Agrario en defensa de máis fondos para a PAC", di Francisco Bello, de ASAGA.
"Estamos de acordo nas medidas contra a redución do marco presupostario", afirma María Ferreiro, do Sindicato Labrego Galego.
Unha proposta que levarán ante o Ministerio de Agricultura.
"De ningunha maneira admitiremos un orzamento menor do que temos, porque é imprescindible para dar estabilidade ao sector primario galego", defende a conselleira do Medio Rural, Mª José Gómez.
División por Mercosur
O que tamén quedou patente na cita deste venres do Consello Agrario Galego é a división respecto ao acordo con Mercosur, coa Consellería do Medio Rural, Unións Agrarias e Asaga por unha banda, a favor do tratado de libre comercio, fronte ao non "rotundo" do Sindicato Labrego Galego (SLG).
Esta organización, pola súa banda, avanza unha reunión co delegado do Goberno, Pedro Blanco, o vindeiro luns, e mobilizacións -aínda por definir- o próximo 29 de xaneiro. O sentir "maioritario" no campo galego é de rexeitamento a Mercosur, asegura.
Tractoradas e mobilizacións
E é que estas protestas prodúcense nun contexto reivindicativo por parte de varias asociacións de Lugo e Ourense, que xa protagonizaron tractoradas nos últimos días, e nun momento en que os sindicatos a nivel nacional (incluídos UPA e Asaja) anunciaron que o sector tomará as rúas do 26 ao 30 de xaneiro en protesta por recortes da PAC e Mercosur.