Foz prepárase para celebrar a Romaría do Bispo Santo
A festa lembra o milagre de San Gonzalo, que conta a lenda que salvou a vila da conquista normanda
Un encontro de familias e grupos de amigos que é toda unha tradición a vila, que pasa de pais a fillos
Na basílica de San Martiño foi bispo san Gonzalo, o máis milagreiro que lembra a historia local de Foz. Conta a lenda que só co petar do seu bastón foi quen de afundir os 300 navíos que viñan á conquista do municipio, alá polo século XI. Un milagre que se festexa na Romaría do Bispo Santo.
"Conta a lenda que cada vez que se axeonllaba afundíase un barco, de aí nace a festa e constrúese a capela", explica un romeiro.
No monte do Bispo Santo, arredor da capela, xa está todo preparado para que comece a festa.
"Eu viña con 14 anos cos amigos, viñamos á festa, co paso dos anos estamos máis profesinalizados, traemos a caseta, pasar a fin de semana cos nenos", di un home.
Os máis novos equípanse co imprescindible para darlle descanso ao corpo tras a troula, unha boa tenda de campaña e un bo sofá.
"Que non falten os sofás, para que veña a xente e sente para gozar da festa", relata unha moza.
Os que peitean canas soben coa casa ás costas. Troulear si, pero con todas as comodidades.
"Esta caseta fixémola toda nós, ata o último parafuso. Hoxe xa comemos aqui, a noite festa e ata que remate", conta un home.
Vir ao Bispo Santo é unha tradición que pasa de pais a fillos.
"Eu teño fotos na romaría cun só ano, a min gústame moito esta tradición, e aos meus fillos tamén", explica un romeiro.
Por diante, tres días de festa, na que é unha das festas máis populares da primavera na Mariña.