As psicólogas ratifican que o parricida de Muros non tiña alteradas as súas capacidades cognitivas
Os peritos manifestan que distingue o ben e o mal: "Puido actuar como unha pinga que enche o vaso"
O médico forense do Imelga que avaliou o acusado catro meses despois dos feitos cualificouno como unha persoa que sofre continuamente e que se sente incomprendida. Isto, explicou, levouno a unha situación límite pola que, aquela noite de abril de 2023, puido actuar, dixo, como unha pinga que enche o vaso.
"Antes podía chamarse hipocondría. Agora é un trastorno de ansiedade por enfermidade. E isto é o que é ansiedade e sufrimento que incide dun xeito moi importante na vida cotiá desta persoa". A persistencia dunha ansiedade, dun sufrimento... esgota. Por outra banda, a sensación que ten de ser incomprendido, ninguén se ocupa del como el cre necesario".
Nesta quinta sesión do xuízo, declararon tamén as psicólogas do Imelga que valoraron o seu estado psíquico. Contoulles que el era violento co seu pai, non seu pai con el, porque non lle facía caso.
Manifestaron tamén que nas probas que lle realizaron detectaron unha simulación de varios trastornos como deterioración neurolóxica, baixa intelixencia e trastornos amnésicos.
"Quere dar unha imaxe máis negativa de si mesmo e faino ben porque é consistente. Concluímos que non están afectadas as capacidades cognitivas para feitos básicos como a diferenciación do ben e do mal, coñece a moralidade básica dos feitos ordinarios, os trazos de personalidade e intelixencia límite poderían afectar as súas capacidades volitivas que é a capacidade de obrar en función da comprensión".
O investigado, que no momento dos feitos tiña 19 anos, enfróntase a 23 anos de cadea. Acúsano de matar a machadazos a seu pai. O seu avogado di que é inimputable.
"El, claramente ten diminuídas as súas facultades psíquicas desde que naceu. Se están tendo en conta unha serie de feitos e declaracións que é como se estivésemos tendo en conta a un neno de 12 ou 13 anos. A vista desenvolveuse como adoitan desenvolverse estas vistas tendentes a unha setenza condenatoria. Penso que quedou moi claro que foi un acto de lexítima defensa", explica José López Balado, avogado da defensa.
O luns as partes presentarán as súas conclusións finais e faráselle entrega do obxecto do veredicto aos nove membros do xurado popular que determinarán a culpabilidade ou inculpabilidade do acusado.