O mozo que matou a golpes a seu pai en Narón acepta 20 anos de prisión
O acusado alcanzou un acordo coa Fiscalía e a acusación particular que lle evitou unha posible condena de prisión permantente revisable
Ademais da pena de cárcere deberá indemnizar con 250.000 euros a seus irmáns
O mozo acusado de matar a golpes a seu pai en Narón aceptou 20 de prisión e o pagamento de 250.000 euros en indemnizacións aos seus irmáns por danos morais, por un delito consumado de asasinato con aleivosía e asañamento.
O xuízo estaba fixado para este venres na Audiencia Provincial da Coruña, e tras o acordo entre o Ministerio Público, a acusación particular e a defensa ao recoñecer os feitos o procesado, acordouse unha rebaixa da condena en sentenza firme, antes de chegarse a constituír o xurado popular.
A condena inclúe a agravante de parentesco e a atenuante de intoxicación etílica.
"Nas horas previas ao suceso consumira bebidas alcohólicas en cantidades que afectaban o control dos impulsos", sinalou o representante da Fiscalía.
En concreto, entre outras medidas, como dez anos de liberdade vixiada tras a pena de cárcere, o procesado deberá abonar 190.000 euros á súa irmá e 60.000 ao seu irmán.
"Confesou os feitos, recoñeceu o ataque a traizón, a aleivosía, e o asañamento sobre o seu pai", especificou o letrado da defensa tras o acordo, en declaracións aos medios de comunicación. Con este pacto, engadiu, "evita a prisión permanente revisable", pena que reclamaba a acusación particular en representación da súa irmá.
En canto á situación do procesado, explicou que o mozo "viña arrastrando unha situación de abandono do pai desde que era pequeno despois de sufrir moitos malos tratos". "Ese día explotou", recalcou, aínda que apuntou que "iso non xustifica a súa conduta". "Está moi arrepentido, é unha persoa sen antecedentes", recalcou.
Neste sentido, o avogado da acusación particular manifestou que, para aceptar a rebaixa da condena, tiveron " en conta o arrepentimento e o esforzo económico". "Aumenta a indemnización, pediamos 100.000 euros", concretou.
Os feitos que se xulgan ocorreron na tarde do 31 de marzo de 2024 na vivenda na que a vítima, de 66 anos, residía coa súa nai, unha muller dependente de 89 anos. Aínda que o mozo non vivía habitualmente co seu pai, dado que convivía coa nai desde os oito anos, ese día atopábase no piso, situado en Narón.
Nun momento dado, segundo recolle o Escrito Fiscal, o mozo comezou a agredir ao seu pai "de xeito sorpresivo e brutal". O ataque comezou no cuarto do home, que padecía diversas enfermidades e unha saúde "moi deteriorada".
O home derrubouno a golpes e, unha vez no chan, seguiu pegándolle patadas e pisándolle na cabeza. O escrito de acusación remarcaba que quedou inconsciente mentres lle gritaba "morre, ti non es o meu pai, tiñas que morrer de cancro, o meu verdadeiro pai era outro", para ser reducido posteriormente por axentes policiais. A vítima faleceu no hospital ao día seguinte.
A pena, ao adoptarse nunha conformidade, é firme, pois non cabe a interposición de ningún recurso.