Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos dous exempregados de Pepe Vieira por roubarlle 9.000 euros e viño exclusivo

Detidos dous exempregados de Pepe Vieira por roubarlle 9.000 euros e viño exclusivo

Foi o propio cociñeiro quen denunciou na Garda Civil a subtracción de cartos e de 50 botellas de viño do restaurante

O restaurante con dúas estrelas Michelin ten no soto unha adega con viños de moito valor económico e sentimental

Xa está de volta na adega do Pepe Viera unha pequena parte do viño roubado
G24.gal 15/05/2026 14:44

A redada da Garda Civil deste martes en Pontevedra saldouse con dous detidos imputados por roubo. Agora sabemos que foran  traballadores do restaurante Pepe Vieira. Foi o cociñeiro con dúas estrelas Michelin quen denunciou os feitos o pasado mes de marzo.

"Foron aproximadamente uns 10.000 euros en cartos, e o valor do viño, pois aproximadamente sobre uns 45.000 euros máis ou menos", explica Xosé Torres Cannas, propietario e cociñeiro do Pepe Vieira.

Polas características do roubo, sospeitaban que estaba involucrado alguén de dentro, porque non estaban forzadas nin a caixa forte, nin as rexistradoras, nin tampouco os accesos ao restaurante. Pero cometeron un erro, deixaron pistas no camiño, un billete de cen euros que atopou tirado outra das empregadas e que foi o fío do que tiraron para descubriren o roubo.

"Démonos de conta enseguida de que sabían onde estaban as cousas, por onde tiñan que entrar, a onde tiñan que ir", continúa.

Todos os traballadores estaban no punto de mira. O círculo foise estreitando despois de analizar os sinais dos móbiles e as cámaras de vixilancia dun colexio próximo que situaban os detidos no lugar o día dos feitos. Un deles era persoa de confianza. Agora están en liberdade con cargos, á espera de xuízo.

Unha pequena parte do subtraído xa foi recuperado. Pero falta a de máis valor non só económico, senón tamén sentimental. O cociñeiro agradece as mostras de solidariedade de compañeiros e provedores que lles están facendo chegar novas botellas.

"Estas mostras de cariño a verdade é que me están reconfortando moitísimo, a verdade é que me sinto moi agradecido", recoñece o cociñeiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade